O goberno popular decidiu construír o novo hospital de Vigo (NHV) con financiamento privado (PFI) a cambio de ceder a xestión de todos os servizos non sanitarios e espazos non asistenciais a unha UTE liderada por Acciona e Bankia.
A Xunta confirmou que o hospital non recuperará a cuarta parte da súa Área (140.000 persoas) a unidade de queimados, nin a cirurxía máxilo-facial, actualmente en mans dun Hospital privado do Grupo Povisa, no que a Conselleira de Sanidade era directiva antes de tomar posesión no SERGAS.
O NHV tampouco será referencia, como ata agora, para a poboación do Salnés nin de Pontevedra (300.000 persoas) en determinadas especialidades, que inclúen a ciruxía cardíaca e a cardioloxía Intervencionista, que o goberno obriga a derivar ao hospital de Santiago.
O NHV tampouco controlará a xestión da alta tecnoloxía, as telecomunicacións, a cita previa, a esterilización nin a loxística, servizos xa privatizados pola Xunta de Feijóo.
Agora, o novo hospital, que a Consellería asegura terá 1.400 camas e porta de urxencias, quedarase sen outro servizo esencial, como e o laboratorio.
Previamente a Xunta adxudicou (12 de marzo de 2014) o Laboratorio Central de Galicia, que realizará as determinacións analíticas máis avanzadas e as probas de xenética e bioloxía molecular de todo o SERGAS, a unha UTE formada por dúas empresas privadas, un pequeno laboratorio de Vigo, “Lema e Bandín” (que Feijóo e Mosquera parecen considerar máis capaz que todos os laboratorios públicos xuntos) e o laboratorios Cerba Internacional, con sé en Barcelona. O custo da adxudicación, 38% inferior á media das outras 4 empresas concursantes, considerouse inicialmente temerario, pero a UTE foi posteriormente readmitida e seleccionada.
O presidente e máximo propietario de laboratorios Cerba é Marcelo Weisz, da familia propietaria dos laboratorios Unilabs. Actualmente dirixe Unilabs Rusia.
A empresa Unilabs pertence a multinacional CVC-Capio que está imputada polo proceso de privatización da sanidade pública madrileña. No seu consello de administración estaba o conselleiro Güemes (obrigado a dimitir por conflito de intereses), quen tamén privatizou o laboratorio central de Madrid por un prezo temerario, e un ano despois decretou a pechadura de tres laboratorios públicos para derivar as probas ao laboratorio privatizado.
Na data da adxudicación do laboratorio central de Galicia, Unilabs estaba asociado a Bankia. O consello de administración de Bankia imputado pola xustiza está moi vinculado ao PP.
Só 3 semanas logo da adxudicación (4 de abril de 2014) Bankia vende o seu parte ao grupo estadounidense ?Centene Corporation? empresa privada intermediaria para o aseguramento e a provisión de servizos sanitarios, centrada na xestión dos pacientes estadounidenses de Medicare e agora vinculada a Unilabs, e xa que logo á sanidade pública galega.
Por outra banda, a decisión da Xunta de prescindir do laboratorio no NHV, para situalo no hospital Meixoeiro, non parece responder a necesidades funcionais, senón a unha decisión premeditada. No hospital Meixoeiro atópanse todos os servizos do CHUVI de xestión privada:
- A ciruxía cardiaca, a cardioloxía intervencionista, a radioterapia, a Medicina Nuclear e a Resonancia Magnética, xestionados por Galaria SA, cuxa directora provén da consultora estadounidense Arthur Andersen (Deloitte).
- Os servizos de Radiofísica e control de calidade de radiodiagnóstico, coxestionados pola multinacional estadounidense Xeneral Electric.
- O Biobanco de tumores, de cerebro e de ADN de Vigo, xestionados mediante colaboración público-privada (CPP)
- O instituto de investigación biomédica de Vigo, coxestionado pola compañía Farmacéutica estadounidense Janssen (Johnson and Johson)
A Hematoloxía e a Oncoloxía, que poderán privatizarse si os profesionais aceptan reconverterse en unidades de Xestión Clínica con Autonomía de Xestión obxectivo prioritario do Ministerio de Ana Mato, da Consellería de Sanidade e da Sociedade Española de Directivos sanitarios “SEDISA” asociación de 900 directivos da sanidade pública e privada, patrocinados pola industria sanitaria privada e constituídos como grupo de presión para implantar a colaboración público-privada, co fin de “incrementar a autoridade dos xestores sobre os profesionais sanitarios e eliminar a rixidez na contratación dos empregados públicos e na compra de produtos sanitarios”
O NHV estaba proxectado como un gran hospital público, cos servizos e a tecnoloxía suficientes para atender a toda a poboación de Vigo e a súa área de influencia e converterse en Centro de Referencia de toda a poboación do Sur de Galicia.
Con todo, e malia o seu enorme custo económico, que non diminuíu, o goberno popular recortou o seu tamaño e as súas camas, baixou a calidade dos seus materiais e o desmembrou amputándolle gran parte da súa poboación e Servizos tan relevantes como a ciruxía cardíaca, a cardioloxía intervencionista, os laboratorios, a alta tecnoloxía, a investigación (I D i) e probablemente a oncoloxía.
Os obxectivos do Xerente do Hospital de Vigo, Mario González, parecen máis próximos aos do lobby privatizador SEDISA, a cuxa cúpula pertence, que ao hospital público que dirixe.
Vai ter pouco que xestionar, o Sr. González, si aínda ocupa o cargo cando se inaugure o novo hospital, é dicir, si a poboación galega pretende seguir votando ao partido que trocea, desmantela, e privatiza a súa sanidade pública e cédea a empresas vinculadas, insolventes e imputadas. Si a poboación galega pretende seguir votando aos “patriotas do goberno de Feijóo” que están traspasando a súa responsabilidade de xestionar a sanidade pública de Galicia a multinacionais estadounidenses, que ademais de inxentes beneficios económicos conseguirán algo de enorme interese para a industria sanitaria, o control dos profesionais, da investigación e dos datos xenéticos e de saúde da poboación galega.
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública