As medidas de recorte tomadas polo Goberno Central, coa complicidade da Xunta de Galicia, introducen cambios fundamentais no sistema sanitario público que atentan contra a universalidade, a accesibilidade, a equidade e o carácter redistributivo da Sanidade Pública, e supoñen o inicio dunha contrarreforma sanitaria.
A Plataforma Galega SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación o domingo 3 de xuño en Santiago (saída ás 12 horas da Alameda) CONTRA OS RECORTES E A PRIVATIZACIÓN. Esta manifestación é apoiada e tamén participan Plataformas do Ensino e múltiples colectivos de enfermos crónicos, a plataforma de profesionais de atención a trastornos aditivos, Médicos do Mundo, colectivos veciñais, plataforma galega de emigración, a plataforma galega de artes escénicas e moitos máis. O enorme deterioro dos servizos públicos que están provocando as medidas decididas polo goberno galego e español, máis profundo aínda a partir dos últimos decretos de recortes no ensino e na sanidade, fan necesaria unha contestación e facerlle chegar aos gobernos o desacordo da cidadanía. A Plataforma pola defensa e mellora da sanidade pública de A Coruña manifesta o seu apoio e decidiu participar nesta manifestación, e pide á cidadanía coruñesa que se sume á mobilización contra os recortes e a privatización.
Coas medidas aprobadas, o Partido Popular:
1º.- Acaba co sistema sanitario universal como un dereito básico da cidadanía e introduce un modelo de aseguramento no que para ter dereito á asistencia sanitaria no marco da Sanidade Pública hai que ser “asegurado”, deixando fora aos que non reúnan esa condición.
2º.- Deixa fóra da atención sanitaria aos inmigrantes non regularizados, a pesar de que é un colectivo en diminución pola crise, realiza un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario. A desculpa do “turismo sanitario” non pode xustificar a perda do carácter universal do dereito á asistencia sanitaria. Tamén deixa fora aos maiores de 26 anos que non teñan “cotizado”.
3º.- Reduce a oferta de servizos da sanidade pública, crea tres grupos de servizos e introduce o copago (repago) en servizos esenciais como a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, a prestación con produtos dietéticos e o transporte sanitario non urxente. Crea, ademais, unha Carteira común de servizos accesorios, que pode ser financiada co copago ou a través de aseguradoras privadas. Os recortes nos servizos afectarán especialmente ás mulleres.
4º.- Establece un sistema de copagos que afectan esencialmente aos pensionistas e enfermos crónicos, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensables para a súa saúde (ambulancias, próteses, dietoterapia), converténdose nun novo imposto á enfermidade.
5º.- Inclúe un novo “medicamentazo” xa que anuncia a retirada das prestacións farmacéuticas da carteira básica, incrementando o copago, e retira medicamentos moi usados do financiamento público.
6º.- Incorre en intromisións graves nas competencias da Xunta de Galicia, limitando a súa capacidade de organización da asistencia sanitaria, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía.
7º.- Cambia as condicións laborais do persoal da sanidade pública, diminuíndo o seu número e precarizando as súas condicións de traballo, coa conseguinte perda de calidade no servizo prestado.
8º.- Privatiza a xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de saúde, encarecendo o servizo e empeorando a súa calidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.