INICIATIVA
LEXISLATIVA POPULAR
PARA A
DEFENSA E A PROMOCIÓN DA
SANIDADE PÚBLICA EN
GALIZA
PLATAFORMA SOS SANIDADE
PÚBLICA
Bo día a todas e a todos.
Señora Presidenta, señoras e
señores deputados:
Estamos aquí en resposta ao berro
de auxilio, ao S.O.S. que manda a Sanidade Pública ao conxunto da
cidadanía, reclamando a súa defensa.
E estamos aquí pola forza
desa cidadanía que, coas súas sinaturas, nos abriu a porta deste Parlamento
para poder facer unha proposta de reforma da legalidade, en defensa dos intereses
da maioría social.
Con esta iniciativa, e a
través de vostedes, queremos reclamar a atención de sectores da sociedade que
aínda non son conscientes do que nos estamos a xogar, e o que está en
xogo é fácil de explicar: hoxe xogámonos á existencia da Sanidade Pública.
É dicir xogámonos que cando
estamos enfermos teñamos un problema de saúde, …que xa chega!, ou
teñamos dous problemas, un de saúde e outro económico, pois teremos que
pagar unha parte da asistencia sanitaria, mediante copagos, repagos ou taxas,
ao fin con un novo imposto á enfermidade.
E unha parte do que
pagaremos será para incrementar os dividendos dos accionistas de grandes grupos
financeiros e económicos, é dicir para que algúns fagan negocio coa nosa
enfermidade, co noso sufrimento.
Somos conscientes de que
para uns poucos isto non será un problema, pero tamén o somos de que nunha sociedade
como a nosa, envellecida, coas pensións máis baixas do estado e os salarios,
como o emprego, en franco retroceso, a desaparición da Sanidade Pública pode
supoñer que moitas persoas non podan acceder aos tratamentos que precisan,
ou non podan manter a continuidade dos mesmos.
Si, señoras e señores
deputados, está nas súas mans continuar coas medidas políticas que só
benefician a uns poucos e prexudican a moitos, persoas con enfermidades crónicas,
pensionistas, etc. Ou cambiar esas medidas e apostar pola Sanidade Pública
para todas e todos.
Señoras e señores deputados,
vostedes xa saben que o problema non é que gastemos moito en sanidade, non lles
vou descubrir que a nosa Sanidade pública custa moito menos que a da media dos
estados da Unión Europea, e ademais ten os mellores resultados en saúde,
vostedes sábeno ben e presumen diso cando lles interesa.
O que non din e que a
Sanidade Pública é eficiente polo esforzo das e dos profesionais que
traballan nela, que teñen que soportar peores condicións de traballo e
económicas que as do resto da Unión Europea.
O que non foi eficiente foi a
xestión privada de bancos, empresas construtoras e de comunicacións que inflaron a burbulla e causaron a crise.
O problema é que unha parte de
vostedes decidiu crear un sistema de financiamento para a Sanidade Pública
baseado nos impostos relacionados co consumo, e non nas necesidades reais
da prestación do servizo público, o que
descapitaliza o Sistema Sanitario público
e contribúe, xunto cos recortes, a diminuír a calidade asistencial e
poder xustificar así a posta en marcha das medidas privatizadoras.
Pero foi unha decisión política o seu modelo de
financiamento, como o foi iniciar a súa privatización, non son razóns
técnicas, non nos mintan…, non é que non haxa outro remedio, o remedio está
nas súas mans, e a cidadanía ten que sabelo, o remedio está en que vostedes
decidan apostar pola Sanidade Pública.
Pola contra, algúns deciden
apostar por unha falsa austeridade que pon as bases para a privatización dos servizos públicos e
para suplantar a seguridade social pública por un sistema privado de pensións. Esta falsa austeridade extenúa aos
empregados públicos contra os cales teñen posto en marcha unha
extraordinaria campaña de terror económico e desprestixio social.
A Plataforma cidadá SOS Sanidade Pública promove a Iniciativa
Lexislativa Popular coa finalidade de
deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada
polo Goberno Galego.
Con esta Iniciativa
lexislativa intentamos garantir o dereito constitucional á protección da
saúde da cidadanía galega, no marco dunha sanidade pública, financiada e
xestionada pola administración pública e que respecte os seus principios
fundamentais: universalidade, equidade, gratuidade, carácter redistributivo,
planificada por necesidades e participativa, garantindo un funcionamento
democrático, transparente, realmente efectivo e avaliable, dos órganos de
participación, nos que están incluídas as asociacións de pacientes,
órganos estes xa previstos na lexislación sanitaria vixente, cuxa actividade é
actualmente, no fundamental, meramente propagandística e baleira de contido.
En duro contraste cos
principios enunciados, sufrimos nos últimos tempos unha campaña neoliberal de ataque
e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde, que encontrou un firme
aliado no Goberno galego.
A decisión de combinar unha redución
do orzamento sanitario co recurso ao sector privado para construír,
restaurar, equipar e xestionar os centros sanitarios leva ao sistema a unha
situación de limitación dos recursos necesarios para o mantemento da actividade dos servizos, e a un
grao de endebedamento incompatíbel co sustento do sistema público que manteña
as condicións de universalidade e gratuidade, e que garanta a accesibilidade á
atención de saúde en condicións equitativas para toda a poboación.
Quen defendemos a Sanidade Pública sabemos que é manifestamente
Mellorable, e levamos anos reclamando as medidas necesarias para facelo.
Pero as medidas que se tomen para Mellorala,
teñen que respectar o marco da propia Sanidade Pública e potenciar os seus
valores.
O que se pretende agora é romper ese marco e
rematar con eses valores e introducir os valores do MERCADO.
En contra do que din, xa non tratan de mellorar a
sanidade pública ou de introducir medidas que garantan a súa supervivencia.
O que intentan é liquidala, liquidala por traspaso aos grandes grupos
financeiros internacionais, que como todas e todos sabemos teñen unha fonda
preocupación pola nosa saúde, …si xa saben, eles mesmos o dixeron, están
preocupados pola alta supervivencia das persoas e pensan que isto pode supoñer
un problema para os seus intereses nos fondos de pensións.
O conxunto das medidas de recorte e privatización
supoñen, entre outras cousas:
·
Recortes
do gasto sanitario público e incremento dos concertos con centros privados.
·
Pagos de receitas por parte de pensionistas e a supresión do
financiamento público de máis de 400 medicamentos.
·
Pago por transporte non urxente en ambulancias, por próteses, cadeiras de
rodas, muletas e alimentos especiais para pacientes graves.
·
Proxectos de privatización de hospitais como os de Vigo e Pontevedra.
·
A paralización da construción de 66 centros de saúde (reducidos a 15 e
coa metade de recursos previstos).
·
O abandono da Atención Primaria e a paralización do seu plan de mellora, o
que contradí as recomendacións dos organismos internacionais de que só unha Atención
Primaria forte pode preservar a saúde da poboación, especialmente en tempos de
crise económica.
·
Desmantelamento das áreas sanitarias coa desculpa do aforro, para
favorecer os intereses privados.
·
Mantemento do concerto singular co hospital privado POVISA, defendendo,
sen concesións, un concerto singular inédito no Estado, que só conseguiu
multiplicar por tres as listas de espera da poboación da súa área de
influencia.
·
Privatización dos servizos de información, plataforma informática,
central de compras, etc que beneficiaron a empresas amigas. A privatización da
xestión das Tecnoloxías da información e da plataforma loxística supuxo a
infrautilización dos excelentes profesionais de que dispón o SERGAS mentres se
poñen os recursos e os datos da poboación galega, especialmente sensibles, en
mans privadas.
·
A
aplicación do Real Dercreto16/2012 que pretende acabar coa asistencia sanitaria
gratuíta, e que crea unha oferta de servizos limitada que obrigará a pagar
polos non incluídos na mesma.
·
A
retirada do acceso universal á Sanidade Pública e o recoñecemento do dereito á
asistencia só para quen teña a condición de
“asegurado”, deixando fora a persoas excluídas ou inmigrantes sen papeis.
·
A
paralización da actividade dos hospitais públicos pola tarde o que incrementou
nunha terceira parte os tempos de espera, polo que hai máis de 40.000 pacientes
nas listas de espera públicas e outro tanto nas ocultas.
·
Despedimentos
e contratacións en precario de centos de profesionais da sanidade pública de
todas as categorías.
Neste contexto, a cidadanía, organizada en
torno á Plataforma SOS Sanidade Pública, decide por en marcha unha iniciativa para cambiar a normativa legal que
impida que continúen a tomarse estas medidas e que se recupere o carácter de
servizo público da sanidade.
O artigo 43 da Constitución recoñece o dereito
á protección da saúde, correspondendo aos poderes públicos organizaren e
tutelaren a saúde pública, mediante as medidas preventivas, as prestacións e os
servizos necesarios.
É competencia da Comunidade Autónoma de Galiza,
consonte aos artigos 148 e 149 da propia Constitución e ao artigo 33 do
Estatuto de Autonomía de Galiza, o desenvolvemento lexislativo e a execución da
lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como en
materia de Seguridade Social, excepto as normas que configuran o seu réxime
económico.
A Lei que presentamos opta expresamente pola xestión
pública directa das institucións sanitarias do Sistema de Saúde de Galiza,
na liña histórica marcada pola Lei xeral de sanidade do ano 86. Rexéitanse
así as fórmulas de colaboración público-privada, PFI, PPP, ou calquera
outra que supoña rematar coa xestión pública directa das institucións
sanitarias, ou dos seus recursos tecnolóxicos, con experimentos en
xestión como o socio tecnolóxico, forma de “colaboración
público-privada” para a xestión de equipos tecnolóxicos de diagnóstico,
incluíndo a imaxe médica (xa actualmente, o 50% das Resonancias Magnéticas de
Galiza son de xestión privada).
En países do noso contorno, estas fórmulas de
colaboración público-privada xa produciron un contrastado empeoramento
da calidade asistencial e un enorme aumento dos custos sanitarios.
Con esta Iniciativa Lexislativa pretendemos:
- Recuperar a Sanidade pública como servizo
universal, gratuíto e de calidade, como responsabilidade do Goberno galego
- Recuperar
a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza, para o que a
Comunidade Autónoma manterá o carácter público da titularidade, financiamento,
xestión e provisión dos servizos sanitarios e socio-sanitarios. Ademais a
prestación e xestión dos servizos sanitarios e socio-sanitarios do Sistema de
Saúde de Galiza deberá levarse a cabo con recursos públicos..
- Pretendemos tamén mellorar a capacidade
resolutiva en atención primaria, para logralo, o Servizo Galego de Saúde promoverá de xeito prioritario,
coa dotación necesaria de persoal e medios tecnolóxicos, a mellora da
capacidade resolutiva dos servizos de atención primaria, cunha cobertura
equilibrada en todo o territorio galego e para toda a poboación, como instrumento
fundamental de mellora da atención sanitaria.
- Mellorar a
xestión sanitaria configurando un sistema de xestión descentralizado
territorialmente, promovendo a autonomía das áreas
sanitarias como espazo para a
planificación e xestión unitaria dos recursos sanitarios, e a
coordinación cos sociosanitarios, que garanta a equidade e a racionalidade, sen
que isto supoña a renuncia a decisións centralizadas sobre cuestións concretas
que melloren a efectividade das decisións.
Como dicía ao principio, coa presentación desta
Iniciativa Lexislativa Popular hoxe, neste Parlamento, xogámonos á
existencia da Sanidade Pública.
Se vostedes deciden aprobala teriamos dado un paso moi importante, non
estaría a batalla gañada, pero sería moito máis fácil facelo.
Se a maioría de vostedes deciden non aprobar esta
iniciativa, a
cidadanía organizada entorno á plataforma SOS Sanidade Pública continuará a
defender, en todos os ámbitos onde lle sexa posible, a necesidade dunha
Sanidade Pública Universal, gratuíta e de calidade.
Será máis difícil facelo, pero sabemos que, se conseguimos chegar a explicarllo
á maioría da cidadanía, temos tantas razóns do noso lado que ao final o
conseguiremos.
E vostedes, as e os que hoxe aquí
actúen contra a Sanidade Pública terán que explicalo.
En todo caso saúde PÚBLICA para todas e todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.