OFICINA MUNICIPAL NACIONAL
MOCIÓN CONTRA A SUPRESIÓN DAS GARDAS DE
FARMACIA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Cos únicos votos do Partido
Popular, o Parlamento galego aprobou a Lei de Acompañamento dos Orzamentos da
Xunta de Galiza para 2012 cunha modificación da Lei de Ordenación Farmacéutica
que permite eliminar as gardas nocturnas das oficinas de farmacia en determinadas
circunstancias; entre outras, cando non existe un Punto de Atención Continuada
(PAC) no concello ao que dá servizo a Farmacia.
O BNG votou en contra desta
medida de recorte sanitario ao considerar que as Farmacias dan un servizo
complementario das prestacións dos centros sanitarios. Non se limitan a
dispensar unha prescrición médica porque ademais informan e aconsellan á persoa
que adquire a medicación. Unha función especialmente importante cando non se
pode acceder a un servizo médico. A garda nocturna de farmacia nun concello
onde non hai PAC pode solucionar unha urxencia menor ou aconsellar unha
derivación adecuada, evitando a demanda de recursos especializados cando non
son necesarios ou a automedicación.
Os únicos argumentos do
Goberno galego para este recorte sanitario son económicos e teñen que ver con
garantir un nivel de beneficios que baixou coa posta en marcha de medidas de
redución do gasto farmacéutico. De xeito que, con este medida para paliar o
recorte do gasto farmacéutico no que atinxe ás farmacias, aféctase ao servizo
que se lle presta á poboación.
As circunstancias que limitan
este servizo como é o caso de concellos onde non existe un PAC, afecta
directamente á poboación rural. Poboación que ten máis dificultades para
acceder aos servizos, tanto pola súa composición demográfica como pola
dispersión e a falta de boas comunicacións.
A realidade da posta en
marcha desta medida constata que unha vez máis o Goberno galego do PP non asume
a obriga de garantir á poboación galega uns dereitos, neste caso sanitarios,
iguais e independentemente do lugar de residencia.
Así estase a producir a
eliminación de gardas nocturnas de farmacia en numerosos concellos galegos nada
máis entrar en vigor a modificación o 1 de xaneiro de 2012.
Este peche, alén de supoñer
un trato inxusto e desigual para as persoas que residen nos concellos
afectados, provocará un maior acceso a servizos de urxencias para atender
problemas que se resolvían nas farmacias que agora pechan. Non supón por tanto
nin mellor atención ás persoas afectadas nin tampouco un aforro para as arcas
públicas, só unha cesión aos empresarios das oficinas de farmacia a cambio de
nada.
Por todo isto, propoñémoslle
ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1.
Instar á Xunta de Galiza a que utilice as súas competencias para que na
reorganización que se realice das gardas nocturnas das Oficinas de Farmacia se
garanta o servizo en todos os concellos galegos.
2.
Comunicar este acordo ao Presidente da Xunta de Galiza e ás portavocías dos
grupos parlamentares do Parlamento galego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.