viernes, 16 de septiembre de 2011


500 personas se manifiestan en Lugo pidiendo mejoras sanitarias

Uns 500 manifestantes toman a Rolda para pedir dotacións na Residencia

 Os veciños da Residencia aumentaron o seu poder de convocatoria. Máis de medio milleiro de persoas, segundo os organizadores, sumouse onte á manifestación que percorreu toda a Rolda da Muralla, causando cortes intermitentes no tráfico, para pedir dotacións para o barrio.

Foi un velorio polo estado «de deterioración» e polo clima de «inseguridade» no que, a xuízo da presidenta da Asociación de Veciños e Comerciantes, Cecilia Vázquez, quedou sumida esta zona, na que habitan unhas 9.000 persoas, desde que pechou o hospital Xeral o pasado 31 de xaneiro.
Boa parte dos participantes nesta reivindicativa comitiva fúnebre, que portaban cirios e velas acesas, vestiron de loito. As mulleres lucían mantillas ou veos negros, os homes gravatas ou brazaletes desa cor, incluso había un ataviado cunha sotana. Non foi unha marcha silenciosa. Os asistentes fixeron soar chifres e bucinas e repetiron en voz alta un irónico responso.
A manifestación provocou atascos puntuais en vías adxacentes á Rolda da Muralla, como as rúas Ourense e San Roque ou a Avenida da Coruña. Axentes da Policía Local foron desviando a circulación por traxectos alternativos a medida que avanzaba a marcha. Como a súa celebración, cando xa caía a noite, non coincidiu coa saída do traballo, contribuíu a que non se chegase a colapsar o tráfico.

Os veciños da Residencia cambiaron así o escenario da habitual mobilización de todos os xoves, desde o pasado mes de maio, para facer visibles as súas reivindicacións ao resto da cidadanía.
«Desde maio seguimos igual. Ninguén falou connosco, nin nos deu explicacións», dixo Cecilia Vázquez, que anunciou que pedirán unha nova reunión coa conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. Ademais, a plataforma veciñal ten previsto decidir o vindeiro luns o futuro calendario de actos de protesta.
«Non pedimos nada que eles non ofertaron. Non queremos máis, nin menos, simplemente reivindicamos que cumpran co prometido», afirmou Cecilia Vázquez, que recordou que ese compromiso é habilitar no vello recinto sanitario un PAC, as consultas de psiquiatría e un laboratorio de saúde pública.
O velorio, que durou case dúas horas, partiu ás nove menos dez fronte ao hospital Xeral, que tamén foi onde concluíu. Ata a arteria principal, a Rolda da Muralla, discorreu por Douctor Ochoa, Fonte dos Ranchos, Avenida das Américas, Poeta Cabanillas, Doutor Gasalla e Anduriñas.

Á hora que arrincou a mobilización os establecementos de hostalería, que eran os únicos que estaban abertos, baixaron os enreixados como mostra de solidariedade.
A manifestación ía encabezada por sendas pancartas coas lemas ‘Urxencias ás aforas, o que queren é que morras' e ‘A Xunta que cumpra co prometido'. Seguíanlle outras con mensaxes como ‘Sen o hospital o barrio está terminal', ‘Este hospital non furrula, teño que ir ao Hula' e ‘O barrio da Residencia xa non ten paciencia'.
Apoio social
Entre os colectivos que se sumaron a esta manifestación figuraban a xunta de persoal da área sanitaria de Lugo, que demandou melloras neste servizo público, e a Federación Provincial de Asociacións Veciñais. O seu portavoz, Fernando Rois, mostrouse moi crítico coa conselleira de Sanidade porque «levamos cinco meses de movilizacións sen saber nada dela» e porque «non cumpre o prometido».

Fernando Rois tamén anunciou que se nas próximas semanas non recibe aos veciños solicitarán unha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que lle proporán que a destitúa.
O alcalde de Lugo, José López Orozco, tampouco foi alleo ás críticas. A presidenta da Asociación de Vecinos e Comerciantes da Residencia mostrou o seu «enfado» co rexedor local porque «seguimos sen velo nas manifestacións». Engadiu que «se non nos quere quitar protagonismo, que se poña ó final ou no medio».
Os veciños decidirán o día 17 o calendario dos próximos actos de protesta que seguirán levando a cabo os xoves

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.