jueves, 27 de octubre de 2011


Manifestación 27 de Outubro Área Sanitaria de Valdeorras.


6.000 persoas opóñense á xestión sanitaria da Xunta

Miles de persoas dan un tirón de orellas no Barco a Pilar Farjas protestando contra a súa xestión sanitaria e contra os recortes na sanidade pública.

A convocatoria da Plataforma en defensa da sanidade pública da área do Barco foi secundada por seis mil persoas que fixeron o recorrido sen incidentes. Malia a que o tempo ameazaba con chuvia, a auga non estivo presente na reivindicación que saíu de fronte ao Pavillón de Calabagueiros do Barco, recorrendo as rúas Conde Fenosa e Marcelino Suárez para rematar na Praza do Concello. Á manifestación sumáronse outras plataformas sanitarias como Prosadi Ourense, Pladesapu de Monforte, ou SOS Sanidade Pública (Galicia).

A marea violeta formada por pancartas, autocolantes e carteis desta cor coreou varias consignas, algunhas alentadas pola organización e outras espontáneas. Entre elas puidemos escoitar “Conselleira, trapalleira” “Feijoo, escoita, a área non se toca” ou “a Ourense de visita, aquí os especialistas”

Foi no remate cando se deu lectura ao seguinte manifesto:

O pasado 5 de agosto o Consello da Xunta de Galicia aprobou o decreto de xestión integrada de Ourense,Verín e O Barco de Valdeorras e o 30 de setembro a orde que o desenvolve. Este decreto supón na práctica (que non no texto) a desaparición como Área de Saúde de O Barco, que a integran as comarcas de Viana, Trives e Valdeorras.

Que supón isto para a cidadanía (usuari@s) destas comarcas?
1. Que a Área deixa de ter orzamentos propios, o que conleva por exemplo, que todas aquelas compras que se queiran facer no hospital por riba de 18.000€, teñen que ser autorizadas pola Xerencia de Ourense e non como até o de agora que se xestionaban dende a xerencia do Barco. Isto supón que se se precisa comprar un TAC (escáner), un laparoscopio ou unha mesa de quirófano, por poñer algúns exemplos de aparatos que custan máis de 18.000€, terá que autorizar a súa compra a xerencia de Ourense, quedando sen ningunha capacidade de decisión nin os profesionais do Barco, nin a xerencia barquense e a ninguén se lle escapa que non podendo negociar desde aquí, imos ser os primeiros en ter descubertas as necesidades de cada momento.

2. Suporá que no futuro, a curto ou medio prazo, os enfermos destas comarcas teñan que volver facer percorridos desde os seus domicilios a Ourense por cousas que até o de agora se fan no Barco (de feito xa se están a dar casos), tendo en conta que estas comarcas seguen a ter as peores comunicacións co resto de Galicia tanto por estrada como por ferrocarril. Vai supor que á enfermidade d@ paciente teremos que engadir os penosos e custosos viaxes destes e os seus familiares, algo que parecía desterrado en boa medida desde hai anos. Cabe destacar que hai distancias desde localidades da zona que entre a ida e volta a Ourense poden supoñer os 300Km.

3. Pode supor que especialistas que agora temos no hospital deixen de estar todos os días facendo o seu traballo aquí e empecen a vir as veces que considere a xerencia de Ourense, o que supón na práctica a desaparición real de especialidades como: dermatoloxía, uroloxía,cardioloxía, anatomía patolóxica,otorrinolaringoloxía e incluso oftalmoloxía.

4. Cabe lembrar que a sanidade é a industria máis importante das tres comarcas e que, de levarse a cabo as previsións da Xunta, é dicir, a desaparición de servizos no Hospital Comarcal de Valdeorras, suporá a redución de persoal en todas as categorías, como xa está a pasar no laboratorio, rehabilitación e servizos xerais, o que levará a engordar máis as listas do paro e a pouca proxección de futuro para os moz@s que queiran facer algunha especialidade sanitaria e traballar na súa comarca.

A saúde é un ben que mentres a gozamos pouco se nos acorda, pero non debemos esquecer que tod@s (á marxe das nosas crenzas, ideoloxía, raza, idade ou sexo) somos ou imos ser, usuari@s da sanidade e que, independentemente da comarca que residamos, temos dereito a unha sanidade pública (que pagamos tod@s cos nosos impostos) que garanta as mesmas condicións de atención e de proximidade no momento en que demandemos ser atendidos. O que esiximos a cidadanía (usuari@s) da sanidade pública de Viana, Trives e Valdeorras é que non se leve para Ourense o que tiñamos até o de agora e a obriga doGoberno galego é dar os servizos sanitarios preto dos cidadáns e non afastalos ou facelos desaparecer como se pretende co decreto de xestión integrada aprobado pola Xunta de Galicia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.