Excmo. Sr. Valedor do Pobo:
A Asociación en Defensa da Sanidade Pública de Galicia
SOLICITA do Valedor do Pobo
1) Que estude a posible incompatibilidade do peche de camas nos hospitais de titularidade pública coa xeneralización da figura do concerto sanitario con centros sanitarios privados e, polo tanto, coa obriga de manter a Sanidade como Servizo Público, tal e como contempla a Constitución;
2) Que promova no seu caso recurso de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional contra a xeneralización da figura do concerto con centros privados nas Áreas Sanitarias dependentes do SERGAS, mentres continúe a tendencia incrementalista do peche de camas de hospitais de titularidade pública pertencentes ao SERGAS;
3) Que solicite da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a paralización de devanditos concertos e dedique a redución do orzamento de concertos con centros privados á posta en marcha das camas dos hospitais que configuran a rede de asistencia hospitalaria de titularidade pública do SERGAS pechadas cada verán.
MOTIVACIÓN
En 1986 a Lei Xeral de Sanidade (LGS) configurou o Sistema Nacional de Saúde (SNS) como conxunto de "estruturas e servizos públicos ao servizo da Saúde", tanto os da administración do Estado (hoxe xa transferidos) como os das Comunidades Autónomas (artigo 44). O SNS integra todas as funcións e prestacións sanitarias que son responsabilidade dos poderes públicos para o debido cumprimento do dereito á protección da saúde (artigo 45).
A Lei Xeral de Sanidade (LGS) estableceu o principio de xestión unitaria (por áreas de saúde) dos centros e establecementos do servizo de saúde da Comunidade Autónoma (artigo 56.2), de acordo coa concepción integral do sistema sanitario que nela se proclama (artigo 4.2). Eses centros e establecementos (de titularidade estatal, autonómica, local entidades públicas) ou privados, vinculados á rede pública en virtude dos correspondentes convenios (artigo 67 LGS) ou concertos (artigo 90 LGS).
Parece razoable soster que a efectividade dos mandatos constitucionais relativos á protección da saúde e ao mantemento obrigatorio dun sistema público de seguridade social implica a existencia dunha rede de establecementos de titularidade pública que deben ser xestionados directamente (con ou sen atribución de personalidade xurídica propia), sen prexuízo da colaboración dos centros privados, fundamentalmente mediante fórmulas de concertación. Pero estes deben ser excepcións á regra da xestión directa, e por iso necesitados de xustificación concreta, sen que sexa suficiente a xenérica previsión legal da súa admisibilidade.
O carácter público do sistema da Seguridade Social é compatible coa incidencia de formas de xestión ou responsabilidade privadas: "O que verdadeiramente ha de ser tutelado por imperativo constitucional é que non se poñan en cuestión os trazos estruturais da institución Seguridade Social á que pertencen".
As actividades de contido predominantemente social (aínda que sexan susceptibles de explotación económica), son competencia e responsabilidade dos poderes públicos. En relación con elas estes non son só "garantes", senón que tamén son e deben seguir sendo "prestadores" cos seus propios medios, é dicir, a través de centros e establecementos de titularidade pública e xestión directa.
Na contratación da xestión de servizos hospitalarios cos hospitais que non pertencen ao SERGAS, formalizados mediante contrato, convenio ou concerto na área Sanitaria de Santiago, o SERGAS non xustificou a falta de capacidade dos hospitais do SERGAS para levar a cabo a xestión da asistencia ao enfermo agudo, aínda que só pode contratar servizos sanitarios cos centros hospitalarios que non pertenzan ao SERGAS, no caso de que os hospitais do SERGAS non sexan suficientes, de acordo co establecido no artigo 90.1 da Lei 14/1986, Xeneral de Sanidade e no artigo 88 da Lei 8/2008, de 10 de xullo, de Saúde de Galicia, polo que se regula o establecemento dos contratos de xestión de servizos sanitarios no ámbito do SERGAS. Por outra banda, o SERGAS contratou a realización de procedementos cirúrxicos co obxecto de reducir as listas de espera con empresas titulares ou xestoras de centros hospitalarios que non están incluídos na rede de hospitais do SERGAS, aínda que os hospitais do SERGAS teñen capacidade para realizar estes procedementos, máxime se non se pechan camas dos hospitais do SERGAS durante os meses de verán.
Quen xestionan centros sanitarios que non pertencen á Rede do SERGAS, xestionan servizos asistenciais de forma habitual e permanente no tempo, a pesar de que o SERGAS só pode contratar servizos sanitarios cos centros hospitalarios que non pertenzan á rede SERGAS, con carácter excepcional e por un duración limitada, de acordo co establecido no artigo 90.1 da Lei 14/1986, Xeneral de Sanidade e no artigo 88 da Lei 8/2008, de 10 de xullo, de Saúde de Galicia, polo que se regula o establecemento dos convenios e contratos de xestión de servizos sanitarios no ámbito do SERGAS. Por outra banda, en ningún dos expedientes de contratación coas entidades que xestionan centros hospitalarios que non pertencen á Rede, formalizados mediante convenio ou contrato, o SERGAS xustifica de forma expresa o carácter excepcional da contratación da xestión de servizos sanitarios, aínda que é un dos requisitos que establece o artigo 88 da Lei 8/2008, de 10 de xullo, de Saúde de Galicia.
Neste sentido é preciso destacar que a Generalitat de Cataluña, en aplicación do Real Decreto Lei 8/2010, de 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público, publicado no BOE de 24 de maio e convalidado con data de 27 de maio polo Congreso dos Deputados, aprobou un decreto lei, que entre outros aspectos, tamén prevé unha redución dos concertos sanitarios do 3,21% que afectará aos centros concertados.
Agradecendo a súa atención, e á espera da súa resposta, aproveito a ocasión para saudarlle moi cordialmente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.