viernes, 12 de agosto de 2011


O BNG pedirá explicacións na Cámara polas Áreas de Xestión Integrada de Pontevedra e Ourense

Ana Luisa Bouza asegura que esta decisión confirma o “desmantelamento” das áreas dos hospitais comarcais e deixa en evidencia aos portavoces locais do PP.

O grupo parlamentar do BNG, a través da súa deputada Ana Luisa Bouza, pedirá explicacións na Cámara galega polos decretos do pasado 5 de Agosto que confirman as Áreas de Xestión Integrada de Pontevedra e Ourense e que poñen en evidencia os distintos “desmentidos” feitos polas portavocías locais do PP cando o BNG e as plataformas en defensa da Sanidade advertían sobre este proxecto.

Ana Luisa Bouza rexistrou varias preguntas parlamentares ante unha decisión que “como xa denunciamos en distintas ocasións” ten como obxectivo facer desaparecer as áreas sanitarias correspondentes aos hospitais comarcais en lugar de dárlles máis autonomía para que se fixeran cargo da atención primaria do seu territorio.

A deputada nacionalista critica a forma de actuar da Consellería, pois na súa opinión non é casualidade que este decreto se publique un Venres de Agosto e nin apareza na páxina web da Consellería nin da Xunta, “onde si aparece a nova dun premio recollido pola conselleira na illa da Toxa ese mesmo día”.

Asemade, a parlamentar lamenta que estes dous novos decretos non aclaren explicitamente as competencias, pois engaden que as xerencias executivas terán que xestionar os servizos sanitarios da súa área pero non lles asignan a capacidade para planificar e dirixir os recursos necesarios para a dita xestión, que depende directamente da xerencia da xestión integrada.

“Trátase,  por tanto, dunha competencia baleira de recursos que consagra a existencia de territorios de primeira e de segunda na atención sanitaria e fai oídos xordos ás demandas dos profesionais e doentes de Valdeorras e o Salnés, que reclamaban unha área de xestión propia”. 


Fuente: http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/global/contidos/novas/teletipos/nova_3977.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.