martes, 2 de agosto de 2011


O copago aforraría en Galicia menos de trinta millóns, segundo expertos

A crise abre o debate entre aumentar o financiamento ou privatizar a sanidade
 
Uns 29 millóns de euros. Esa é a contía que aforraría ao ano a introdución dun copago “moderado”, segundo sinalan os profesionais que forman a Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública (Fadsp). Segundo os seus cálculos, introducir unha taxa de dez euros por consulta e quince por urxencia, deixaría apenas unha redución do gasto sanitario do 0,85%. Este é só un dos últimos argumentos que nace no debate entre as organizacións que defenden a privatización da sanidade coma camiño para manter a súa sostibilidade, fronte aos que destacan que o futuro está no incremento do financiamento.

Neste debate entre ambos sectores, xurde o último estudo da Fadsp, que rexeita a introdución do copago e da privatización. Respecto ao primeiro, sinala que a maiores do seu escaso aforro, a introdución desta medida podería desembocar nun aumento inesperado do gasto. Neste sentido, o texto explica coma tras adoptar este sistema, o gasto sanitario portugués medrou un 4,8% por riba do PIB, mentres que en España o facía un 2,5%.
Noutro sentido, entraría en xogo a posibilidade de introducir aseguramentos privados. Nesta liña, a organización sinala que este modelo acabaría por reducir a recadación para o sistema público, que recortaría aínda máis o seu financiamento. Entre os riscos que baralla a Fadsp estarían o incremento da poboación que non podería recibir prestacións públicas nin privadas e o aumento dos gastos administrativos do sistema público.

SOLUCIÓNS
Ante datos como os do Consello de Contas, que mostran as dificultades que existen para a sostibilidade do sistema público, a organización defende principalmente dúas propostas. Nun primeiro punto estaría a necesidade da Administración de reducir un gasto “innecesario”. Neste sentido, cabe destacar que o gasto incrementouse en 2008 un 7,35% respecto ao ano anterior.
Así, a organización aposta por reducir a inversión en novas tecnoloxías. “Só un 30% está xustificada”, alerta a organización, que explica que o Sistema Nacional de Saúde destina a este fin tres de cada dez millóns do seu orzamento.
A descordinación entre os diferentes actores da sanidade tamén supón un incremento dos custes. Neste sentido, a portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Ana Luísa Bouza, denunciou que eliminación do Plan Mellora de Atención Primaria posto en marcha polo bipartito supón que os médicos de Primaria non poidan pedir e realizar as probas diagnósticas no propio ambulatorio, tendo que desviar aos doentes aos hospitais onde primeiro deben pedir cita co especialista, que este lles dea un volante para a proba e volver á consulta para coñecer os resultados.
Doutra banda, estaría o incremento dos fondos destinados á sanidade. Nesta liña, cabe destacar que parte do problema ao que se enfrontan as comunidades autónomas é unha redución do orzamento pola caída dos ingresos tributarios, segundo destaca o Consello de Contas. A FADSP denuncia ademais a “preocupante” estratexia da Xunta, que no último ano recortou en 200 millóns o orzamento destinado a financiar a sanidade.


FUENTE:  http://www.xornal.com/artigo/2011/08/01/sociedad/copago-aforraria-galicia-menos-trinta-millons-segundo-expertos/2011080123483100462.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.