martes, 2 de agosto de 2011


O Consello de Contas ve “problemas” na sostibilidade da sanidade galega

O Sergas perdeu 300 millóns de orzamento pola crise en 2008 e precisou 645 millóns adicionais para facer fronte aos gastos, segundo este organismo.
 
Co inicio da crise económica en 2008, Galicia perdeu 300 millóns para o financiamento da sanidade pública. Este factor, xunto coa necesidade doutros 645 millóns adicionais para facer fronte ao pagamento das prestacións, son algúns dos puntos nos que incide o Consello de Contas para denunciar “insuficiencias de financiamento” do Sergas. “O gasto sanitario evoluciona substancialmente por enriba do que o fai o PIB a prezos de mercado, circunstancia que pon de manifesto problemas de sostibilidade do modelo, sobre todo en momentos de crise económicofinanceira”, advirte o órgano consultivo.
Mentres a caída da actividade económica en todo o conxunto do país producía un “desplome dos ingresos tributarios” que rebaixaban en 300 millóns os fondos dispoñibles para pagar a sanidade, o gasto dos servizos, o salario dos funcionarios, os concertos sanitarios ou a factura de fármacos aumentaban de media 7,35% respecto a 2007. Un 27,8% máis que catro anos antes.
A partida que máis se incrementou durante 2008, foi, segundo sinala o Consello de Contas, a relativa ao pagamento dos concertos con hospitais privados, polo que o Sergas chegou a pagar 224 millóns desde 2004, o que supuxo un aumento de case o 50% en catro anos. Desta contía, unha terceira parte foi destinada a pagar os acordos que Sanidade mantén con Povisa.

OS SALARIOS
Os fondos que estaban destinados a pagar os salarios do persoal foron outra das partidas que máis se incrementou. Desde 2004, esta partida medrou de media un 44,42%, aínda que non foi unha suba homoxénea en todos os conceptos. Mentres durante eses catro anos o salario dos altos cargos se incrementaba só un 11,65%, o do persoal funcionario ou estatutaria aumentaba case un 50% e os seus complementos un 75%.
Durante 2008, o Goberno bipartito pagou ata 17,3 millóns de euros máis que o ano anterior polo complemento pola realización das gardas e outros 7,1 millóns máis pola actividade autoconcertada de tarde. A incorporación dos pluses nas pagas extras dos funcionarios e o recoñecemento da carreira profesional, son outras causas de este incremento, segundo o Consello de Contas.
O incremento do gasto sanitario, xunto coa caída dos 300 millóns de orzamento, deixaron a Xunta coa necesidade de incrementar o financiamento en 645 millóns de euros. Deste xeito, entre outras achegas, o bipartito veuse na necesidade de solicitar ao Estado unha ampliación de crédito de 157 millóns. Destes, 90 millóns solicitáronse ao final do ano, coa intención de pagar 13 millóns de gasto farmacéutico de novembro e outros 77 de decembro, para cuxas facturas xa non había fondos dispoñibles.
“Como consecuencia, é preciso recoñecer que a sostibilidade do sistema está negativamente afectada, o que aconsella, con urxencia, a adopción de medidas que faciliten a recuperación do equilibrio, explica o organismo, que advirte de que “esta tendencia vaise agravar” nos seguintes exercicios “pola caída dos ingresos tributarios, a resultas da liquidación do novo modelo e posto que o gasto real non vai a acomodarse a esta tendencia. Como peche, o Consello de Contas sentencia que empregar recursos do Bloque de competencias comúns non é “un instrumento estable para recuperar o equilibrio”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios se publicaran previa moderación por el administrador del blog, no se publicaran aquellos que sean ofensivos o empleen insultos contra terceros.